Galego / Castellano / English

Centro de Innovación e Servizos da Madeira

Axudas á instalación de fiestras de madeira

A Consellería de Innovación e Industria pon en marcha o primeiro Plan Renove de Fiestras, que está destinado á rehabilitación da envolvente térmica das edificacións. Esta liña subvenciona a rehabilitación dos ocos acristalados das fachadas, tanto os marcos como os seus acristalamentos, coa fin de mellorar a eficiencia enerxética do edificio. Un dos materias dos marcos que se acollen á subvención é a madeira, pola súa inmellorable condición de illante térmico. Deste xeito subvencionaranse as novas fiestras ou portas-fiestras que separen estanzas calefactadas do exterior e cumpran requisitos como dispoñer de marcado CE, ter dobre acristalamento con cámara de 6 mm. ou superior, ser de carpintería de madeira, e que se substitúa unha fiestra de igual tamaño.

As axudas serán de 100 euros por metro cadrado de fiestra, non podendo superar o 25% do custo total da obra nin os 6.000 euros por vivenda unifamiliar. O Plan subvencionará as renovacións de fiestras dende o 1de febreiro de 2009 até o 30 de xullo ou o remate dos fondos, e contará nesta primeira fase cun orzamento de 500.000 euros que, segundo anunciou Fernando Blanco, ascenderá a 1,5 millóns na vindeira campaña. Poderanse adherir ao programa todos aqueles instaladores ou empresas de venda de fiestras que o desexen, mediante o protocolo de adhesión dispoñible na web do Inega. Co orzamento de 500.000 euros deste ano estímase que cando menos 500 familias poderán aforrar o 30% do seu consumo anual en calefacción.