Idioma: Castelán / Galego

Centro de Innovación e Servizos da Madeira

"Provocación Construtiva"

O CIS Madeira promove a exposición “Provocación Construtiva”

Dende o 20 de Setembro, e ata o 30 de Outubro de 2007, a Escola Técnica Superior de Arquitectura de Coruña (ETSAC) acolle a exposición “Provocación Construtiva”.

Esta mostra, promovida polo CIS Madeira e as Consellerías de Vivenda e Solo e Medio Rural, supón unha achega ao traballo dos máis punteiros arquitectos da rexión de Vorarlberg, en Austria.

Esta rexión do extremo occidental austríaco destaca pola construción de vivendas en madeira. A nota predominante destas vivendas é o seu carácter ecolóxico e sustentable. É unha arquitectura sensata, que aposta polas enerxías renovables, o aproveitamento de espazos e o emprego da madeira. Un material idóneo porque é renovable e favorece o aforro enerxético polo seu carácter de illante térmico.

En Vorarlberg conxúganse a tradición rural, semellante á nosa, co deseño de vangarda na procura dun desenvolvemento sustentable. Son numerosos os exemplos de vivendas, edificios públicos ou lugares de traballo que dende os anos 60 se están a construir conforme á premisa dunha edificación adaptada ao medio ambiente.

Mostra un camiño a seguir por Galicia, no obxectivo de erradicar o feísmo e aproveitar un dos nosos maiores e mellores recursos: a madeira. Esta exposición xa permaneceu en Santiago entre agosto e setembro, e, despois da súa estancia na Coruña, será instalada en Vigo.