Galego / Castellano / English

Centro de Innovación e Servizos da Madeira

"Provocación Construtiva" aterra en Vigo

O día 7 de Novembro terá lugar a inauguración da exposición “Provocación Construtiva. Arquitectura Contemporánea en Vorarlberg”. A mostra, permanecerá en Vigo ata o 27 de Novembro.

Tras percorrer Santiago e A Coruña, remata na cidade olívica o seu ciclo galego.

A partires das 20:00 horas, comezará a inauguración na Casa das Artes, lugar da exposición. Contará coa presenza de Xesús López Carreira, Concelleiro da Área de Cultura e Animación Socio-cultural, de Salvador Fraga Vilas, presidente da delegación do Colexio de Arquitectos de Vigo, e de Xosé Francisco Pedras Saavedra, director do CIS-Madeira.

Vorarlberg, a rexión máis ao oeste de Austria, está considerada coma un dos territorios máis interesantes en canto a arquitectura contemporánea en Europa. Neste lugar conseguiron aplicar solucións innovadoras no deseño de espazos públicos e privados.

Nos anos 80, as construcións en madeira da Escola de Vorarlberg adquiriron recoñecemento internacional mentres se fomentaba a participación activa dos habitantes no proceso de realización das súas vivendas.

Hoxe en día, é un referente en arquitectura en aspectos como a cooperación arquitecto-propietario, a relación calidade-prezo, a ecoloxía, o respecto polo territorio e a arquitectura como orgullo social.