As Xornadas Internacionais sobre o Castiñeiro que tiveron lugar os días 22, 23 e 24 de Maio, foron organizadas pola Consellaría do Medio Rural no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas. O Centro Tecnolóxico da Carne e o CIS Madeira, foron as dúas sedes destas xornadas. As instalacións do CIS Madeira acolleron os relatorios sobre Tecnoloxía da Madeira de Castiñeiro.
As conferencias serviron coma punto de partida para unha serie de propostas de acción a seguir, sempre co obxectivo de potenciar o emprego dunha madeira autóctona, que na actualidade trabállase nunhas oitocentas empresas de transformación en toda Galicia.
Os problemas que presenta este material son sobre todo consecuencia do abandono e dunha desidia silvícola. Non hai madeira de calidade pola falta de xestión axeitada dos montes, nos que os soutos fican case esquecidos. O abaratamento do prezo desta madeira viría asociado a que aumenten as árbores das que se poida facer un aproveitamento máis eficiente. Cuns tratamentos e coidados fundamentais, e unha mellora xenética, evitaríanse os atrancos que impiden obter unha madeira que poida ser traballada en grandes pezas que faciliten usos estruturais e industriais. Para estes usos tamén cómpre establecer unha normativa, un estándar para clasificar a madeira de castiñeiro e que esta cumpra así os requerimentos do código técnico da edificación.
As actuacións a seguir que se propoñen dende as charlas sobre Tecnoloxía da Madeira parten de promover accións silvícolas e de xestión dos soutos máis funcionais e eficientes. Para isto, hai que comezar avaliando xenéticamente os mellores exemplares desta especie, para que sirvan de proxenitores das árbores de futuras explotacións. Outra das accións é establecer con urxencia unha normativa de clasificación visual, estrutural e decorativa que o castiñeiro, á diferencia de outras madeiras de importación, non ten. Non se pode deixar de lado a I+D+i, xa que cómpre desenvolver novas tecnoloxías de fabricación. Esta mellora no proceso de transformación, vencellada a mellora da materia prima, daría lugar a mellores produtos finais cun máis alto valor engadido. Por último, promover a formación e a divulgación sobre o traballo coa madeira de castiñeiro en centros formativos, en escolas de arquitectura ou no eido dos deseñadores.
As ponencias contaron co complemento dunha mostra de produtos elaborados en Galicia con madeira de castiñeiro. A mostra, no propio CIS Madeira, contou coa colaboración de varias empresas do sector, e serve para constatar as posibilidades reais de acadar produtos finais de calidade, tanto no sector do mobiliario, coma en carpintería e madeira de uso estrutural.





