Un grave problema para o emprego da madeira coma material construtivo reside no gran descoñecemento que hai sobre as súas propiedades. Coa finalidade de promocionar o seu uso na construción, o 23 de outubro iníciase en Santiago de Compostela o Curso de Construción en Madeira 2008. Está organizado pola Consellería de Vivenda e Solo en colaboración co CIS Madeira e esta é a súa segunda edición.
As propiedades singulares da madeira son por unha banda mecánicas e pola outra ecolóxicas. As mecánicas (resistencia, flexión, etc.) demostran que estamos ante un material moi competitivo para o uso estrutural. As ecolóxicas (renovable, fixador de CO2, etc.) confirman a súa eficiencia enerxética coma material sustentable.
O curso vai estar centrado nas propiedades mecánicas. A primeira parte do mesmo, os días 23 e 24 de Outubro, abranguerá aspectos relativos ao cálculo de estruturas. Os técnicos poderán así ter as ferramentas necesarias para poder resolver o dimensionamento óptimo nunha estrutura con madeira. Sempre adaptándose á normativa vixente do Código Técnico de Edificación.
A segunda parte do curso tratará sobre inspección e intervención en edificios antigos con estrutura de madeira. Os días 27 e 28 de novembro serán nos que se aborden estes temas tan importantes para unha correcta rehabilitación de vivendas antigas. En poucos días abrirase o prazo de inscrición para esta segunda parte e nesta páxina web poderase acceder a toda a información necesaria para apuntarse.





