A colaboración entre o Clúster da Madeira de Galicia e o CIS Madeira obtén de novo resultados ao facerse realidade o proxecto “Estudo de Mellora na Embalaxe e no Transporte da Madeira en Galicia” (E.M.E.T. Madeira). O día 11 de Maio terá lugar en Santiago de Compostela, entre as 18:00 e as 21:00 horas, unha Xornada que servirá coma presentación do proxecto, e ao mesmo tempo abranguerá un espacio para a formación.
E.M.E.T. Madeira é unha resposta a unha cuestión importante no tránsito entre o produto rematado e a súa chegada ás tendas ou ao consumidor final. Son moitos os casos de produtos elaborados en madeira que resultan danados ou presentan defectos logo do seu proceso de embalaxe e transporte. Isto é un problema que repercute na confianza do cliente coa marca fabricante.
O Manual de Boas Prácticas, que foi elaborado neste proxecto, proporciona solucións e métodos que evitan estas alteracións no produto cando chega á súa fase final de posta en circulación. No proxecto participaron cinco empresas pertencentes ó Clúster da Madeira de Galicia, en concreto dos subsectores de mobiliario de cociña, mobiliario de fogar e portas de madeira. Tamén participou AIDIMA coma colaborador externo do proxecto.
A Xornada abarca un espacio para a Formación que versará acerca dos riscos durante a distribución de mercancías, os sistemas de embalaxe, o deseño e desenvolvemento de sistemas de embalaxe para o transporte de mobiliario e outras especificacións técnicas.





