A madeira fronte ao cambio climático
No marco da Asemblea Europea de Fabricantes de Taboleiro, presentouse o libro: “Frente al cambio climático, emplea madera”. Os encargados de realizar a posta de largo foron Ladislaus Döry, presidente da Federación Europea de Taboleiro (EPF); José Carballo, presidente da Asociación Nacional de Fabricantes de Taboleiro (ANFTA); e Francisco Pedras, director do CIS Madeira, organismo encargado da edición en castelán do libro. O acto transcorreu no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.
“Tratar de convencer que a madeira é un material con futuro”, iniciou José Carballo, “é algo máis sinxelo con esta publicación. Un libro de transcendencia e con argumentos de peso”. Esta é a edición española dunha publicación emprendida pola EPF, e xa traducida previamente a 8 idiomas.
Ladislaus Döry expuxo as razóns da creación da obra. Explicou que o cambio climático é responsabilidade, en grande medida, das emisións de dióxido de carbono que a actividade do home emite á atmosfera. A única idea que existía ata fai pouco sobre a madeira para evitar a contaminación era o seu emprego coma material enerxético renovable. “Frente al cambio climático, emplea madera” abre novos horizontes para este material na sustentabilidade. As árbores , mediante a fotosíntese, absorben CO2 do aire para transformalo en celulosa e lignina, os materiais que compoñen a madeira. Ese uso da mesma coma combustible provoca que ese gas capturado no tronco volva á atmosfera.
En cambio, se a madeira perdura no tempo cun emprego duradeiro (construción, mobiliario…) o CO2 seguirá “atrapado”. Ademais, a madeira posúe a vantaxe de poder ser reciclada mediante a fabricación de taboleiros, alongando o seu ciclo de vida e prolongando aínda máis esa fixación.
A industria de transformación deste sector é moito menos contaminante que as industrias que fabrican outros materiais aos que pode substituír (caso do formigón, aceiro ou plástico). O aforro fronte a eles que a madeira supón en emisións de dióxido de carbono é de 6 toneladas por cada metro cúbico de materia prima. Hai que sumar o gas capturado per se co que se emite na súa transformación.
A comparación entre unha vivenda realizada con formigón e aceiro con outra construída con madeira resulta clarificadora. A cantidade de dióxido de carbono liberada á atmosfera na edificación con formigón e aceiro é equivalente á que unha casa de madeira precisa para a súa posta en pé e quentala durante 27 anos.
A ANFTA, seguindo a idea do EPF, está traballando nunha tese para o cumprimento do Protocolo de Kyoto. Este tratado contempla os inventarios da masa forestal dun país en función da cantidade de CO2 fixado, para contrarrestar as taxas a pagar por cada país polas súas emisións contaminantes. Na próxima reunión do tratado, que terá lugar en Dinamarca, tratarase de incluír a cantidade que representan os produtos de madeira postos en circulación, non só o que existe nas árbores. O Ministerio de Medio Ambiente colabora neste propósito.
Deste xeito, se o consumidor elixe produtos de madeira, estaría non só contribuíndo ao medio ambiente pola continuación do “secuestro” de CO2, se non tamén a aliviar as arcas do seu país pola diminución do gasto a realizar polas emisións de gases.
“O CIS Madeira apoia esta iniciativa da EPF e ANFTA, que é unha mostra da dinámica do sector da madeira”, engadiu Francisco Pedras, “dentro da importancia que representa o mesmo en Galicia, unha zona eminentemente forestal”. Na súa conclusión, o director do CIS Madeira aproveitou para especificar que todos eses datos correspóndense con produtos novos. No eido da rehabilitación, isto pódese multiplicar, xa que esa madeira empregada séculos atrás pode seguir gardando o CO2 durante moito tempo máis. Lembrou que Galicia constitúe un referente estatal en canto á rehabilitación e que se continuará traballando nesta liña.
O uso da madeira aquí dista moito da longa tradición construtiva que existe en Europa. Por non falar dos Estados Unidos, onde o 90% das vivendas unifamiliares están elaboradas con madeira. Unha época de crise é tamén un tempo de oportunidades. E a madeira, coa importancia que acada o desenvolvemento sustentable, é un material idóneo no presente e aínda máis no futuro.






