Vostede está aquí: Proxectos
Volver a: Inicio
Xeral:
Información de Contacto
Edición
Mapa do sitio
PROXECTO: CONTRIBUCIÓN Á INVESTIGACIÓN E DESENVOLVEMENTO DE PROCESOS PRODUTIVOS DESTINADOS Ó EMPREGO OPTIMIZADO DE CHAPA DECORATIVA NO REVESTIMENTO DE ELEMENTOS DE CARPINTERÍA E DECORACIÓN
O proxecto foi seleccionado para ser financiado na convocatoria do ano 2005 do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. O seu obxectivo é analizar e optimiza-los procesos implicados no emprego de chapa decorativa de diversas especies de madeira, na fabricación de molduras e portas.
No proxecto participan as empresas Pumade, S.A., e Moldutec Madera, S.L., xunto co Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia. As dúas empresas participantes integran os seus respectivos produtos (molduras dunha banda e follas de porta doutra) na fabricación dun elemento construtivo unitario (unidade de oco de porta).
Os revestimentos decorativos formados por chapas de madeira vernizadas presentan en ocasións problemas de calidade, sendo o máis común a aparición de fendas na película do recubrimento. A grande diversidade de factores que interveñen na orixe deste problema (contido de humidade, especie de madeira, adhesivo, verniz, tecnoloxía aplicada, condicións de servizo,...) fan moi difícil atopar solucións completamente efectivas.
Coa fin de diminuír a incidencia de defectos, as principais solucións existentes no mercado consisten no emprego de vernices de alta flexibilidade e/ou elementos intermedios de unión (soportando a chapa mediante unha lámina de papel). Non obstante, a orixe fundamental do problema radica en que as variacións dimensionais inducidas pola higroscopicidade da madeira. Elo fai que os defectos poidan manifestarse en tempos variables, e unha vez instalado o material na obra, o que multiplica os custos de reposición.
Polo anterior, é esencial coñecer o gradiente de humidade inicial idóneo para minimiza-los movementos relativos que poidan producirse entre a chapa e o soporte. No caso de especies de madeira de recente emprego na elaboración de chapa decorativa, os traballos de investigación realizados neste ámbito son practicamente inexistentes, polo que existen importantes carencias de información.
O principal obxectivo do proxecto é optimiza-los parámetros que interveñen no emprego industrial da chapa decorativa, por medio da realización de experiencias e ensaios de laboratorio que analizarán unha ampla multiplicidade de factores (especies de madeira, tipos de taboleiro soporte, configuracións da unión chapa-taboleiro, rematado, etc.). Os resultados obtidos serán contrastados e validados con posterioridade en experiencias industriais.
Dentro das especies de madeira a analizar, cabe destacar pola súa importancia o estudo das condicións óptimas de emprego de chapa decorativa de eucalipto, así como doutros novos materiais, na fabricación de elementos decorativos de portas.
Ir a: Desenvolvemento de métodos de tratamento Determinación da durabilidade natural