Galego / Castellano / English

Vostede está aquí: Proxectos
Volver a: Inicio
Xeral: Información de Contacto Edición Mapa do sitio

Buscar:

Cluster da Madeira

PROCESO DE CREACIÓN DO CLÚSTER DA MADEIRA DE GALICIA
Ver PDF descritivo do Proxecto [136 KB]

Para acadar unha cadea da madeira competitiva no seu conxunto, é fundamental introducir cambios na forma de xestión empresarial substituíndo o individualismo por unha nova forma de traballar en cooperación.

Para elo, a Consellería de Industria e Comercio, a través do CIS-Madeira, decidiu iniciar o proceso de constitución do Clúster da Madeira de Galicia.

As accións comezaron en xullo de 1999. Nese mesmo ano fírmase un Convenio coa Universidade de Vigo coa fin de contar co apoio dun equipo de expertos desa Universidade.

Os traballos desenvolvéronse en tres fases:

Durante a Fase I do proxecto elaborouse un censo empresarial, a análise de referencias de interese e a metodoloxía xeral do proxecto.

Esta documentación previa sirve de base para realizar o Diagnóstico Estratéxico da Cadea da Madeira en Galicia, onde se recollen os aspectos internos a dita Cadea que lle afectan de xeito positivo ou negativo e, analogamente, aqueles outros derivados do entorno.

A Fase II, comprendeu as reunións sectoriais para validar os diagnósticos e definir os factores clave, obxectivos e estratexias básicas, así como as liñas de acción para a mellora da competitividade do Clúster da Madeira de Galicia, realizouse durante o ano 2000.

Para facilitar o funcionamento desas sesións organizáronse catro Comités de Traballo (Chapa e Taboleiro; Carpintería e Mobiliario; Pasta de Papel, Papel e Cartón; Explotación Forestal e Serrado), representando as principais actividades da Cadea.

Unha vez celebradas tódalas sesións dos Comités de Traballo, elaborouse un Documento Final de Síntese do Eixes Estratéxicos, Estratexias e Accións de Mellora do Clúster que recollía as principais conclusións obtidas nas sesións de traballo.

Por último, a Fase III ou de Implantación do Proceso culminou coa Presentación Oficial do Clúster da Madeira de Galicia (CMA), o día 20 de abril de 2001, e a posterior celebración da Asemblea Constituínte na que se aprobaron os Estatutos e foi elixida a Xunta Directiva.

O CMA componse de 118 empresas da Comunidade Autónoma galega de distintos subsectores da cadea da madeira. No seu conxunto, estas empresas facturan 1.100 MM de € e producen uns 4.500 postos de traballo directo.

Actualmente o CIS-Madeira exerce labores de apoio a través da firma dende o ano 2002 de convenios anuais coa dita Asociación, para levar a cabo distintas actividades.

Ir a: Tecnoloxías de secado Sistemas de serrado