Unidade Investigación en Madeira na Construcción

O acondicionamento dun local no Campus Universitario de A Coruña servirá coma sede para a futura Unidade de Investigación en Madeira na Construción. Esta xorde dun convenio entre a Consellería de Innovación e Industria e a Universidade de A Coruña, e conta co beneplácito do Consello da Xunta, que xa aprobou unha partida de 300.000 euros para a construción destas novas dependencias.

O propósito deste convenio é fomentar a Innovación e o desenvolvemento tecnolóxico no eido da madeira aplicada ao sector construtivo. A Unidade de Investigación en Madeira na Construción impulsará actividades innovadoras e servirá de enlace na transferencia de coñecemento entre os axentes públicos de I+D+i e o sector privado.

O novo espazo de desenvolvemento tecnolóxico ocupará unha área de 300 m² entre a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica e o Edificio de Departamentos do Campus da Zapateira. Dentro do local, o CIS Madeira contará con 70 m² para servizos e dependencias administrativas. Ademais, o local acollerá lugares destinados á formación, á divulgación, á aplicación e á investigación da madeira e produtos derivados na construción.

A Consellería de Innovación e Industria, a Consellería de Vivenda e Solo, a Consellería de Medio Rural, a Universidade de A Coruña, o Concello de A Coruña, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico e o Clúster da Madeira de Galicia (coma agrupación das empresas do sector) regularán mediante un convenio de colaboración, o funcionamento desta nova Unidade.

O convenio coincide cunha das liñas de actuación prioritarias do Plan INCITE. Este considera fundamental a creación de estruturas que aproximen a investigación básica co ámbito industrial, coa coordinación entre Centros Públicos e empresas. No caso da construción, vaise tratar de dotar ao sector de novas solucións e desenvolver técnicas aplicadas na rehabilitación, con criterios de desenvolvemento sustentable e de calidade.


(C) 2005 - Quedan todos os dereitos reservados

Imprimir esta páxina