Entrega de Premios do Foro da Madeira |
||
Buscar novos camiños e posibilidades para a madeira. Con este punto de partida, entregáronse en Santiago de Compostela os Premios “Ideas en Madeira”. O Salón de actos da Consellería de Vivenda e Solo reuniu aos premiados e a representantes das tres Consellerías e das agrupacións empresariais que forman parte do Foro da Madeira. |
|
|
O acto, presentado por Francisco Pedras, Director do CIS madeira, contou tamén coa participación do Director Xeral de Montes e Industrias Forestais, Alberte Blanco, que introduciu o acto resaltando que en Galicia se producen 7 millóns de metros cúbicos de madeira anuais para o seu consumo, o que fai unha idea da nosa autoridade coma territorio para innovar nesta materia prima. Sinalou que estes premios permiten que a xente poida aportar ideas eficaces en cada unha das categorías e así xerar máis riqueza cos nosos produtos. |
|
|
Na categoría de “Vivenda”, o primeiro premio foi para Eduardo Monteoliva Díaz, polo anteproxecto dunha vivenda modular en madeira que dá solución ás necesidades de cada momento na vida familiar, desde unha parella ata unha familia numerosa. Ademais, esta vivenda propón estratexias bioclimáticas en canto a orientación e confort climático, calidade do aire, recuperación de augas e protección de ocos para evitar problemas de illamento. O autor agradeceu ao Foro da Madeira esta iniciativa que permite dar a coñecer as posibilidades da madeira, e engadiu que agarda que as propostas presentadas poidan ser plasmadas na realidade. |
|
|
O máximo galardón no apartado de “Espazos Públicos” foi para Xosé Manuel Iglesias da empresa Galopín. A súa proposta consiste nun balancín, “o máis grande do mundo”, para parques infantís. A madeira está presente nos pés verticais articulados por cables de aceiro. O xurado valorou a proposta innovadora, orixinal, de deseño atractivo e cunha resolución técnica correcta e coherente. O premiado quixo resaltar o papel dos espazos públicos coma socializadores de todos os cidadáns, e que para protexelos e dignificalos coma se merecen nada mellor que o emprego da madeira. |
|
|
Na modalidade de “Instalacións dotacionais para o medio rural”, o primeiro premio concedeuse a Víctor Hermo Sánchez pola súa proposta de torre de vixilancia con sistema de parafuso que permite repregala reducindo a súa altura ata o nivel do solo, nas épocas nas que non se utilice. Recoñeceuse a súa adaptación ao uso temporal, deseño atractivo e proposta de medidas medioambientais. O seu artífice explicou que a madeira é un material idóneo na procura dunha funcionalidade no deseño que leve consigo beleza no resultado final. |
|
|
(C) 2005 - Quedan todos os dereitos reservados |
||