A Plataforma Tecnolóxica comeza a súa andaina

O 15 de novembro, en Santiago de Compostela, o Director Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, Salustiano Mato; o Director Xeral de Montes e Industrias Forestais, Alberte Branco; e o Presidente do Clúster da Madeira, José Blanco, fixeron a presentación pública da Plataforma Tecnolóxica da Madeira de Galicia.

A Plataforma integra a todos os axentes dinamizadores do sector da madeira: empresas, asociacións, centros de investigación, e universidades.

Salustiano Mato tomou a palabra para falar das oportunidades da Plataforma. Sinalou as diferentes medidas de financiamento, para a adquisición de infraestruturas, a creación de laboratorios de I+D e a incorporación de Recursos Humanos á investigación. E, sobre todo, da creación dun Fondo Tecnolóxico para potenciar a Innovación.

Nesta xornada presentouse tamén o Plan Director de Innovación da Cadea da Madeira. Jorge González Gurriarán, Catedrático da Universidade de Vigo, falou do Plan e sinalou como obxectivo fundamental para potenciar a propia cadea da madeira, a conversión do CIS-Madeira nun Centro de Competencia.

Potenciarase a súa proxección estatal e internacional co claro obxectivo de ser un referente no sector.

Francisco Pedras, Director do CIS-Madeira pechou o acto, e anunciou as primeiras accións da Plataforma, recollidas na Axenda Estratéxica de Innovación.

O CIS farase cargo da Secretaría Técnica, e xestionará administrativamente a Plataforma. Supervisará tamén os diferentes grupos de traballo que se formen e será un enlace permanente entre as empresas, universidades, centros tecnolóxicos e centros de investigación.

O funcionamento da Plataforma será a través de grupos traballo. Haberá 4 grupos definidos: Silvicultura, Serradoiros e Aproveitamento forestal, Taboleiros e Pasta de papel e Carpintaría e Mobiliario.

O compromiso é que os grupos de traballo presentarán polo menos 4 proxectos relevantes. Neste sentido analizaranse os programas de Axudas á Innovación abertos (PROFIT, CENIT, VII Programa Marco...) e os programas do Ministerio de Agricultura e os de Medio Ambiente. Tamén se analizarán os programas a piques de abrirse, como os integrados e cluster.


(C) 2005 - Quedan todos os dereitos reservados

Imprimir esta páxina