O CIS Madeira como Secretaría Técnica da Plataforma Tecnolóxica Galega da Madeira participou activamente nesta iniciativa da Plataforma Naval. Un técnico expuxo brevemente un posible proxecto relacionado con dito sector. Este proxecto precisa da elaboración dun manual – regulamento da construción naval en madeira. A redacción será unha colaboración entre o CIS Madeira e a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI). Esta colaboración constitúe un paso máis no convenio asinado entre a Asociación e a Consellería de Industria para darlle unha orientación produtiva e comercial á súa actividade.
Quedou patente que ademais de investigar e estudar o estado da arte, hai que revisar os regulamentos e normativas existentes para a construción naval en madeira e contemplar a posibilidade de elixir novas madeiras e técnicas. O manual tratará sobre os procedementos de deseño, tamén as técnicas e cálculos necesarios segundo o tipo de material a empregar, e un apartado normativo que abranguerá a situación actual e as posibles adaptacións á normativa de novas técnicas e materiais.
A potencialidade da carpintería de ribeira está baseada por unha banda na alta presenza nas nosas costas desta actividade. Segundo o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) existen 3921 embarcacións en madeira, dun total de 5391 que hai nas nosas costas. E onde o dato é máis significativo é nas construcións flotantes para acuicultura, cun total de 802 sobre 1023.
Ademais destes motivos cuantitativos, a construción naval en madeira ten unha gran potencialidade, ao tratarse dunha actividade atractiva polo seu carácter tradicional e ecolóxico. A carpintería de ribeira forma parte do noso patrimonio cultural, e coma tal ten un alto valor que debemos protexer, fronte a actividades máis recentes coma a construción en aceiro ou poliéster.
Así pois, a necesidade dese manual específico sobre madeira suporá a equiparación con eses outros materiais que si dispoñen de normativa específica. E será un paso máis no que poderá apoiarse a futura creación dun selo de calidade e denominación de orixe para as embarcacións galegas de madeira que garanta a súa protección fundamental para o seu futuro.
|