POSIBILIDADES DE APROVEITAMENTO ENERXÉTICO DA BIOMASA DE MATO EN GALICIA
Nos útlimos anos, ademais dos criterios tradicionais de xestión enerxética, baseados en alcanzar a maior competitividade de custos e seguridade de subministracións posibles, o sector enerxético está a considerar outros criterios tendentes a alcanzar unha maior protección do medio ambiente, articulando políticas que fomenten o desenvolvemento de enerxías de carácter renovable, entre as que se atopa a biomasa.
A maior parte das iniciativas, levadas a cabo ata o momento, tendentes a avaliar o potencial enerxético da biomasa forestal, centráronse especialmente na biomasa procedente dos procesos de transformación industrial da madeira, e na biomasa residual procedente de decotas e de restos arbóreos de corta. Os estudos relativos a avaliar as posibilidades de aproveitamento enerxético da biomasa de mato en galicia foron moi puntuais ata o momento, aínda que o potencial deste recurso parece claro, con aredor de 700.000 ha de monte ocupadas con formacións de mato. Ante a importancia que cobra no contexto actual o aproveitamento da biomasa, tanto como fonte enerxética de carácter renovable como desde o punto de vista da mellora do aproveitamento dos recursos forestais, xurdiu este proxecto coa finalidade de analizar a valoración da biomasa de mato en Galicia.
O obxectivo da actuación que se expón persegue avaliar a idoneidade do emprego de biomasa de mato para a xeración termoeléctrica, para incorporar esta información aos estudos de viabilidade que se están a facer, relativos ao establecemento de centrais termoeléctricas a partir de biomasa forestal.
Este proxecto de investigación avalía as posibilidades de aproveitamento enerxético das principais formacións de mato en Galicia, centrándose no estudo de técnicas de recollida e aproveitamento de mato, na caracterización física e enerxética da biomasa, na cuantificación da biomasa de matogueira en Galicia, e nos efectos ambientais de aproveitamento deste recurso.





