PROXECTO DE INVESTIGACIÓN SOBRE A EFICACIA DOS TRATAMENTOS PROTECTORES ANTIAZULADO EN FUNCIÓN DAS CONDICIÓNS TÉCNICAS E AMBIENTAIS QUE SE PRODUCEN EN GALICIA
O azulado da madeira serrada é provocado pola aparición duns fungos, xeralmente do xénero Ceratostomella, que se propagan sobre a madeira de albura orixinando unha coloración azulada debida a reflexión da luz sobre as hifas do fungo presentes na superficie.
As principais alteracións que se producen sobre a madeira son de tipo estético, depreciando o seu valor ou impedindo o seu emprego en determinadas aplilcacións decorativas. Outros defectos asociados son un incremento da permeabilidade do material e un lixeiro descenso das súas propiedades mecánicas.
Durante moitos anos o produto químico máis empregado para a realización do tratamento antiazulado da madeira serrada en España foi o pentaclorofenato sódico (PCPNa) en concentracións do 1 ó 2,5%. A recoñecida eficacia deste produto, permitía obter bos resultados aínda nos casos nos que a súa aplicación non se facía coa máxima rigor técnica.
A recente prohibición do uso do PCPNa para o tratamento da madeira, fixo que as industrias se vexan obrigadas a cambia-lo produto empregado. Na actualidade, aínda que existen novas sustancias activas e unha grande variedade de produtos comerciais, a industria do serrado sofre anualmente perdas significativas coma consecuencia da depreciación económica da madeira afectada por decoloracións de “azulado”.
O proxecto foi seleccionado en novembro de 2004 pola convocatoria de axudas da Consellería de Medio Ambiente e realízase conxuntamente entre o CIS-Madeira e a Federación de Serradores e Rematantes de Madeira de Galicia (FESERMAGA) durante o ano 2005.
O proxecto contempla a realización de diversas experiencias de tratamento antiazulado de madeira a pequena escala, empregando as principais sustancias activas existentes no mercado. O seguimento dos resultados destas experiencias permitirá dispor de información sobre a incidencia de factores coma a concentración de diferentes sustancias activas, as condicións ambientais de almacenamento da madeira, as condicións do apiñado (sen cuberta ou baixo cuberta). Asemade, xunto á divulgación dos resultados do estudo, contemplase a inclusión de información xeral e recomendacións prácticas sobre as mellores técnicas aplicables.





